Friday 17 de May de 2024

O Concello oferta case 700 prazas nos cursos municipais de iniciación ao golf que se impartirán nos campos da Torre durante o vindeiro ano


Xa se poden presentar as solicitudes correspondentes aos cursos que se levarán a cabo no primeiro trimestre de 2024. O prazo estará aberto ata o vindeiro domingo 10 de decembro, ás 23.59 horas

O Concello da Coruña abriu o prazo de presentación de solicitudes con vistas ao primeiro trimestre dos cursos de iniciación ao golf que terán lugar no Campo Municipal da Torre durante o vindeiro ano.

A oferta total de cara ao 2024 é de 688 prazas, distribuídas en cinco quendas diferenciadas (de xaneiro a marzo; de abril a xuño; xullo; agosto; e de outubro a decembro). Neste sentido, para a quenda inicial prevista nos tres primeiros meses do ano disporanse 144 prazas, con cursos orientados ao público infantil (6-11 anos), xuvenil (12 a 16 anos) e adulto (de 17 anos en diante).

En canto ao primeiro trimestre de ano, as datas de inicio e finalización dos cursos serán as seguintes:
● Luns e xoves: inicio o 4 de xaneiro e finalización o 14 de marzo de 2024.
● Martes e venres: inicio o 2 de xaneiro e finalización o 15 de marzo de 2024.
● Sábados e domingos: inicio o 7 de xaneiro e finalización o 17 de marzo de 2024.
A presentación de solicitudes, ata o domingo 10
Todas as persoas interesadas en presentar a documentación necesaria para optar ás 144 prazas que se ofertan no primeiro trimestre de 2024 xa poden formalizar a súa solicitude. O prazo estará aberto ata o vindeiro domingo 10 de decembro, ás 23.59 horas.